As Brigantias

A nosa historia

A liga naceu como unha asociación que tivo o seu inicio a finais do 2012, en resposta a unha convocatoria anónima mediante as redes sociais. A ela acudiron un grupo de mulleres descoñecidas entre sí, pero ca curiosidade e motivación suficiente para comezar o que se convertiría no primeiro equipo de Roller Derby da Coruña.
Os inicios foron moi duros…non ter pista cuberta onde adestrar en boas condicións, descoñecemento do regramento do xogo e onde atopalo, tipos de exercicios a practicar, como organizarse, compra de material.
Polo camiño moitas destas mulleres foron sucumbindo a dito esforzo, excepto dúas delas: Evil Nurse e Lady Moratón. Continuaron no seu empeño e pouco a pouco foron sumando mais valentes que marcarían un antes e un despois no equipo, como a xogadora e árbitra Poison Isy.
As tres decidirón coller a bolsa cos seus patíns e proteccións e comezar a aprender dos equipos con mais experiencia: Porto Dragons, Roller Derby Madrid, Barcelona Roller Derby e London Rollergirls.
Xa no 2016, As Brigantias Roller Derby convértese nun clube, fedérase e comeza a xogar os seus primeiros partidos. O equipo comeza a rodar e chegan interesadas de todas partes, coma Toxic Blonde procedente das Sucker Punch de Alemania.
A principios do 2017 a alta demanda na capital galega leva o equipo a organizar adestramentos tamén en Compostela a cabeza da xa veterana nestes días Lady Moratón.
O ano 2018 será para a historia das Brigantias, un ano caracterizado por dous logros moi importantes: O 15 de febreiro de 2018, As Brigantias entra a formar parte como membro aprendiz da WFTDA (Women´s Track Derby Associacion), o organismo rector do Roller Derby profesional. Convertíndose no primeiro equipo galego e o cuarto español en formar parte da WFTDA.
O 27 de febreiro de 2018, a WFTDA anuncia que o proxecto presentado polas Brigantias para organizar os WFTDA PlayOffs 2018, foi o escollido entre centos de propostas a nivel europeo. As Brigantias conseguiron que a cidade da Coruña, sexa a segunda sede europea na historia dunha das competicións máis importantes do noso deporte. Evento mundial que se celebrará no Palacio de Deportes de Riazor, do venres 31 de agosto ao 2 de setembro de 2018.
Na actualidade, a irmandade que logrou crear o clube, traballan incesantemente para lograr empoderar as mellores xogadoras (e pronto xogadores e juniors) do Roller Derby na cidade da Coruña e Compostela. A súa forte motivación por este deporte é capaz de bloquear e derrubar calquera muro.